15 de mar. de 2011

O sistema educativo é anacrónico.

Sei o que é anacrónico en educación: unha presentación power-point que remacha os vellos conceptos con moito alarde de imaxe, son, vídeo e conectividades varias; a clase "maxistral" ao vello estilo inzada de complacencia e cangada coa tensión acrítica dos conversos. O sistema escolar sunténtase sobre a reiteración, a reprodución e a avaliación da reprodución de contidos. Todos sabemos que cada día as avaliacións dos centros educativos son máis absurdas, as titulacións que validamos máis incertas. Porén, é raro ver que a iso se reaccione cuestionando o corazón do sistema: as "notas". O alumnado vive dentro dun contexto perverso onde o que importa non é a crítica (que require o coñecemento previo e profundo), a creatividade, o saber (que é o que facemos cos nosos coñecementos). Todo o que sabe (é dicir: o que fai co que coñece) un estudante hoxe é "sacar notas" en exames onde "caen preguntas". Cando ten éxito "sae ben". Supoño que o lugar ao que vai cando sae é a vida.
Disto falan nestes vídeos que vos deixamos. Quizais unha miga autocomplacentes; quizais válidos somentes para un contexto de privilexio económico. Pero precisamente por iso hai que pensar que o ensino público non pode permitirse vivir á marxe da reinvención da educación. A renovación é xa inútil. E se non o sabemos, sentímolo.
O audiovisual nas aulas é unha maneira útil (e traballosa) de vivir a aprendizaxe. Hai que tentalo, se fracasamos aprenderemos. Se non nos expomos ao fracaso, seremos un triste troquel caendo sen descanso sobre as mentes novas, e sobre as nosas cansas mentes.

Con todos vostedes: Ken Robinson e Michael Wesh



Nenhum comentário: