Fins


O Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine concíbese como unha plataforma que contribúa e dinamice de cara ao futuro a tensión creativa que numerosos centros de ensino de toda Galicia desenvolveron ao longo dos últimos cursos. O potenciamento da linguaxe audiovisual, ademais de complementar o proceso de alfabetización no uso dos novos media entre o alumnado e de axudar a formar os cidadáns e cidadás futuros, ciméntase, ademais, sobre a realidade viva da lingua galega no sistema educativo, pois é o galego o idioma habitual de expresión destes traballos escolares. 

É así como estes proxectos académicos contribúen a estender a lingua galega nos medios audiovisuais e nas TIC como ámbitos de prestixio e predicamento entre a xente nova para reforzar a superación progresiva dos esquemas diglósicos e a consecuente eliminación dos prexuízos lingüísticos dende a sensibilización idiomática e a promoción da análise crítica dos preconceptos existentes sobre a lingua galega. Mellorar as destrezas lingüísticas, ademais da competencias dixital e audiovisual, repercuten de forma efectiva no uso habitual da lingua.

Neste sentido, cobra unha dimensión relevante a figura da personalidade homenaxeada co XII Premio Leixaprén, Manuel González Álvarez, promotor fundamental nas últimas décadas do cinema afeccionado e escolar, campos nos que a presenza do idioma é maior en comparación coas grandes producións profesionais, lastradas polas mesmas dinámicas sociais e de mercado que relegan a lingua galega a un lugar subsidiario en numerosos ámbitos de uso.

Desenvolvemento do audiovisual escolar e dinamización lingüística son, pois, os valores sobre os que asenta esta xornada de encontro, formación, reflexión e celebración, xornada concibida como plataforma abertas que supera o contexto estritamente académico.

Obxectivos 
  • Promover un foro de reflexión e debate dos equipos docentes que impulsan o audiovisual nos centros de ensino.
  • Crear unha plataforma estábel de intercambio de experiencias e coñecemento entre os diferentes axentes que participan do audiovisual escolar.
  • Proxectar as producións audiovisuais realizadas durante o último curso nos centros escolares.
  • Fomentar o desenvolvemento das competencias dixitais e audiovisuais do alumnado e do profesorado asistente mediante a formación en diferentes aspectos da realización audiovisual.
  • Empregar de modo responsábel e creativo as TIC e os medios audiovisuais para desenvolver as capacidades artísticas, de aprender a aprender, de obter información e de compartir coñecementos.
  • Fomentar a competencia lingüística a través do audiovisual e as TIC como soportes que favorecen a interacción comunicativa, que integran a linguaxe verbal, visual e musical, e que dinamizan diferentes destrezas académicas (representar, recitar, escribir, ler, reseñar, debater, comentar, expoñer, etc.).
  • Facilitar dinámicas de traballo que supoñan unha toma de contacto e de corresponsabilidade entre os diferentes estamentos da comunidade escolar.
  • Promover relacións con outros centros educativos así como colectivos e administracións do contorno escolar que teñan incidencia na comunidade educativa.
  • Estender a lingua galega nos medios audiovisuais e nas TIC como ámbitos de prestixio e predicamento entre a xente nova para reforzar a superación progresiva dos esquemas diglósicos e a consecuente eliminación dos prexuízos lingüísticos dende a sensibilización idiomática e a promoción da análise crítica dos preconceptos existentes sobre a lingua galega.
  • Mellorar as destrezas lingüísticas, nomeadamente as activas, do alumnado e do profesorado e repercutir este maior dominio repercuta de forma efectiva no uso habitual da lingua.
  • Valorizar a dimensión comunicativa e instrumental do galego en relación con usos artísticos e comunicativos, ligando o seu uso aos modos de vida máis actuais e vangardistas e aos usos lúdicos do idioma e dándolle un protagonismo central á oralidade.
  • Garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos en lingua galega que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade do idioma e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz.