Premio Leixaprén

A Asociación Coordenadora Leixaprén

A Coordenadora Leixaprén de Equipos de Normalización Lingüística é un colectivo constituído baixo o réxime xurídico de asociación, con domicilio social en Noia e ámbito de actuación territorial en Galiza. 
O fin principal da asociación é a defensa e promoción da lingua galega. Para acadar este obxectivo, a asociación organiza as seguintes actividades:
  1. Entrega do Premio Leixaprén. 
  2. Organización de seminarios de traballo, simposios, xornadas, conferencias e intercambios de experiencias relacionadas coa promoción da lingua galega,
  3. Fomento doutras actividades relacionadas coa cultura galega.
A Coordenadora Leixaprén naceu no curso 1999-2000 e actualmente está formada polos Equipos de Dinamización Lingüística dos seguintes centros educativos: IES Poeta Añón da Serra de Outes; IES Fontexería e IES As Ínsuas de Muros; IES de Campo de San Alberto e IES Virxe do Mar, de Noia; IES de Porto do Son; CPI Cernadas de Castro de Lousame; e CPI da Picota de Mazaricos; IES Félix Muriel de Rianxo, CPI Os Dices de Rois e CPI Eusbeio Lourenzo Baleirón de Dodro.

Premio Leixaprén 

A entrega do Premio Leixaprén constitúe a actividade central da Coordenadora  dende a súa fundación. Este galardón creouse no curso 1999-2000 por iniciativa do Equipo de Normalización Lingüística do IES Poeta Añón de Outes, que foi o primeiro centro en asumir a súa organización, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan persoas, colectivos, empresas ou institucións na promoción e defensa da lingua galega.

O Premio está concibido como unha actividade aberta á participación de todos os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de Ensino Secundario que queiran sumarse á iniciativa, mais tamén como un premio itinerante de tal xeito que en cada curso académico é un ENL distinto o que se responsabiliza da organización do programa de actos da entrega do devandito galardón.

Dende que na súa primeira edición fose concedido ao poeta Manuel María Fernández Teixeiro, diferentes personalidades e colectivos do mundo da cultura, as artes plásticas, o xornalismo, a música ou o ensino, como o profesor Xosé Agrelo Hermo, o artista Isaac Díaz Pardo, o historiador e escritor Manuel Fabeiro Gómez, a Asociación Mar de Lira, a Escola Infantil Raiola, o músico e xornalista Xurxo Souto, etc.

XII Premio Leixaprén


Manuel Gonzalez Alvarez


A Rúa de Valdeorras (Ourense)
Licenciado en Psicoloxía (Universidade Complutense, Madrid 1977).

Anos oitenta

Director do IFP Allariz (1979-82), onde realiza as primeiras experiencias de vídeo na escola en Galicia. En 1984 foi responsable da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura, organizando as primeiras axudas publicas ao cinema e video galegos, coordina o programa A imaxe na escola (curso 1984-85) e foi responsable do Arquivo da Imaxe / Videoteca de Galicia (1984-85), a entidade que prefigura o CGAI e a Axencia Audiovisual Galega. É esta unha época na que impulsa a inserción da produción audiovisual no ensino mediante a publicación de numerosos artigos, charlas e cursos sobre vídeo e imaxe na escola. Ademais, colabora estreitamente con Miguel Anxo Fernández na organización da sección de vídeo e as actividades paralelas das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA, 1984-1989). A finais dos oitenta deseña o proxecto de formación profesional no eido do audiovisual.


Con Xosé Luís Cabo cataloga e fotografía o patrimonio cinematográfico galego, materializándose este traballo na exposición itinerante Cinematógrafos galegos (1986-1987). Así mesmo, durante toda a década traballa na investigación arredor da biografía e a obra de José Gil, o primeiro cineasta galego, sobre o que ten impartido varias conferencias. Traballou no proceso de restauración do filme Viaxe por Galicia (1929), de Luis R. Alonso, e participou na investigación e catalogación da memoria audiovisual da emigración galega. Boa parte das súas investigacións oriéntanse ao cine da emigración en dúas vertentes: o cine producido no seo da emigración galega en Arxentina, Cuba, Uruguai, etc. e a figura do emigrante galego no cine producido neses países. Nesa pescuda viaxa a Cuba, Arxentina e Uruguai na procura de obras como Mariñeiros, de José Suárez.

En 1988 entra a traballar na produtora Vídeovoz TV, desenvolvendo funcións de arquivo, producción, guión e realización en diversos programas e series para TVG como Encontros, Galicia no cine, A mellor TV do mundo ou Extramuros entre outros.

Anos noventa

A súa tese de doutoramento en historia versa sobre A emigración no cinema español. Entre outros, publicou o libro Documentos para a Historia do cine en Galicia (1970-1990) e participou en varios libros colectivos como Historia do cine en Galicia ou Dicionario do cine en Galicia, ademais de numerosos folletos e artigos sobre audiovisual galego especialmente sobre patrimonio e formación audiovisual.

Foi creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998). En colaboración co CGAI, organiza anualmente na EIS os seminarios "Cero en conduta" e en colaboración con Nova Escola Galega as xornadas de pedagoxía audiovisual Pé de imaxe. Participou en numerosos eventos, festivais e mostras audiovisuais, así como en charlas e coloquios en foros nacionais e internacionais.


Foi Premio de Honra Fernando Rey en 1999 pola súa “contribución ao desenvolvemento da industria audiovisual galega”

Século XXI

É profesor no Master de produción e xestión audiovisual da Universidade de Coruña (1998-2009) e profesor asociado na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo (2004-2007). Nos anos 2004-2005 foi o director de desenvolvemento da produtora Dygra Filmes.

Dende o ano 2006, ano no que recibe o Premio AISGE en recoñecemento á súa traxectoria, ao 2009 desenvolveu labores de dirección da Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, coordenando as convocatorias de axudas á produción e o deseño e contidos da web da Axencia Audiovisual Galega (Premio á mellor páxina institucional en galego no ano 2008). Nesta época impulsou novos proxectos para o audiovisual galego como Cinemas Dixitais, flocos.tv (Premio Mestre Mateo 2009) ou Memoria do século XX.

Actualmente, imparte aulas de Historia nun instituto do Ferrol.