11 de mar. de 2011

"Ben falado" cos alumnos de SonCine

Non sei se o traballo cos alumnos debe facerse ver nos medios, na prensa, na TV. Os media precisan nutrir o espectáculo informativo. Nós queremos producir a nosa propia imaxe. Sen embargo, nos días que corren, desafectos e desafeitos á argumentación pausada do saber e da razón, é cada vez máis a imaxe a nosa palabra (ou a nostalxia da nosa palabra). En calquera caso, falamos, cando nos tocou, con liberdade; e fomos tratados con respecto. O que di a xovial tropa de SonCine está cheo de bo sentido, e en xeral expresa un desexo: que a vida entre nas aulas, que se superen as barreiras entre Linguaxe e expresión viva das emocións e dos pensamentos; entre a emoción da literatura e as clases de literatura; entre a vida dos seres e as ciencias que os estudan; etc. A educación debe facer un difícil equilibrio entre o saber da tradición, patrimonial, científico, e o saber da innovación, da emoción, experimental, confuso, intuitivo. Participar nestes programas foi unha maneira de facernos presentes socialmente, de xebrar barreiras entre nós e o mundo. Porque unha sospeita sobrevoa o que dicimos: quizais as barreiras, físicas -pero sobre todo ideolóxicas (as programacións e os manuais de estudo son ideoloxía pura)- non son para protexernos, quizais o que queren é illarnos, conformarnos a un rol sobre o que ningún de nós (inclúo os docentes), tomamos demasiadas decisións: hai que cumprir o programa, esa frase de entrana sectaria.
Aquí tedes dous vídeos de cando nos viñeron ver: os amigos de Ben falado e os amigos de Onda Curta, que emitiran hai anos os nosos primeiros traballos (Grazas Carlos Meixide).

Nenhum comentário: