Ideas

  1. Saber é unha acción; quen non se arrisca non se equivoca; quen non se equivoca non aprende.
  2. Un IES é un centro de produción: produce memoria; produce socialización; produce comunicación; produce disciplina, amor ao traballo, amizade...; pero tamén produce malestar, escisión social, frustración, amargura, fracaso, inmobilismo.
  3. Producir arte é producir saber.
  4. Traballamos con seres vulnerables e inseguros pero valentes e ávidos de saber. Moitas veces o seu desexo de saber, certo, incontestable, non coincide co que o Estado, ou a Sociedade, ou os programadores da educación, determinan para eles.
  5. Ás veces, os profesores falamos moito e escoitamos pouco. Exercemos a nosa profesión de forma unidireccional, xerárquica e, a miúdo, moi engreída ou falta de autocrítica. Non sempre, non a maioría, afortunadamente. Unha boa forma de liberar enerxías durmidas, de revitalizar, de adaptarnos a novos tempos, de non deixarnos superar polo advenemento inevitable dun contexto do coñecemento diferente, é levar a produción de arte aos centros de ensino.
  6. Creatividade é comunicación. Un encontro e un diálogo con nós mesmos e co noso público. Crear é comunicación coa nosa contorna, resposta e interrogación da realidade. Crear é comunicación co noso pasado; renovación de códigos. Cada nova forma de creación é unha nova, singular, especial forma de comunicación, e cada unha inventa o seu público. Todo o que non funciona no sistema escolar ten a súa causa nun problema de comunicación. Por iso, se queremos rachar dinámicas acomodaticias debemos facelo desde a análise da comunicación, en todos os seus elementos.
  7. SonCine non propón un currículo máis; propón tratar os currículos, ou parte dos currículos, dunha forma nova: (datos-información-coñecemento-saber). Buscamos que o alumnado entenda que o saber é:
        1. a.- a fin dun proceso de aprendizaxe;
        2. b.- unha acción (saber é o que fas cos teus coñecementos).
  8. Cremos que o audiovisual é unha forma ideal de concretar nun acto expresivo, creativo, un coñecemento; que este sexa compartido e que sexa o comezo dunha conversa creativa coa xente.
  9. A educación debe repensar a direccionalidade xerárquica que a miúdo a caracteriza: un Internet ben usado é a maior fonte de información da que a humanidade dispuxo nunca. O profesor debe ensinar a manexarse nese contexto. Borges dicíao moi ben, citamos de memoria: un profesor non debe dar información porque iso faino mellor unha enciclopedia; debe mostrar unha forma de enfrontarse aos temas. Non só aprender de, senón tamén, ou sobre todo, aprender con.
  10. A educación ha de ser expandida; nun contexto en rede, non ten sentido seguir actuando coma se o que facemos fose o único que se fai no mundo. Temos que aprender todos de todos. Indirectamente, na nosa experiencia isto crea uns contextos de aprendizaxe moi xenerosos pero tamén moi competitivos; fórzase a creatividade, hai que ir máis aló, hai que innovar, hai que facelo ben porque non só o fas para ti, tamén para os outros.
  11. O papel do profesor ha de cambiar, pero nunca foi máis necesario. Díxose de moitas formas pero todas din o mesmo: o docente ha de ser un facilitador, dar acceso, acompañar, discernir, potenciar, pór orde. Cando sae ben os resultados son impresionantes, e nunca se esquecen; o esforzo céntrase no traballo, non na memorización.
  12. O tempo escolar é un tempo fragmentado. Poida que isto sexa bo para un contexto fabril: é nefasto para ensinar, para aprender e para crear. A creatividade non se activa e desactiva a golpe de timbrazos: a creatividade de calquera clase, sexa matemática, verbal ou artística. En calquera caso é necesario tentar romper estes moldes cando do que se trata é de estimular a creatividade. Hai formas sinxelas que a nós nos deron moito resultado: xuntar as 2 horas de audiovisual e darlles continuidade no tempo da comida e despois nas tardes de extraescolar. Desa forma contamos con 6 horas, o que permite visionar películas, ensaiar, imaxinar, buscar, descargar e montar vídeo. Non é necesario que isto sexa así sempre, pero é importantísimo que suceda unas cantas veces. A conformación de equipos necesita este tipo de tempo liberado.
  13. O audiovisual pódese facer en solitario pero é importante que desde a educación se promova o traballo en equipo. Resulta estimulante ver con que alegría os alumnos e alumnas están dispostos a traer uns bocadillos da casa, preparar unha mesa central nunha aula e dispor dese tempo para discutir, intercambiar e ordenar o traballo. As barreiras entre alumno e profesor se difuminan sen perder o respecto. A disciplina autoritaria é substituida por agradecemento pola oportunidade de facer outra cousa.
  14. O tempo escolar é un tempo que se perde no esquecemento. Pervive a memoria da convivencia, do vivido, pero non pervive a memoria da propia aprendizaxe. Isto é así porque poucas veces é vivido, poucas veces aprender é unha experiencia viva. A creación de audiovisual converte unha conferencia p.e. en algo activo: basta que se reduza o tempo de exposición e se potencie o tempo de diálogo. Unha vez que os alumnos están afeitos ás cámaras, xogan con elas, saben que serán vistos, que han de facelo ben. Ás veces montan de forma moi dinámica entrevistas con escritores ou científicos aos que nunca se lles ocorrería preguntar nada. Actualmente, despois duns meses de adaptación, deixamos os alumnos sós cos nosos convidados para non condicionar o seu traballo: os resultados foron destacados polas propias editoriais polo seu interese. Iso é así porque o alumno pregunta se se deixa libre só aquilo que lle interesa, de forma moi directa, moi sinxela, moi aberta. E ese momento perdurará no tempo.   Non é imprescindible que o material se difunda, si o é que o vexan de inmediato.
  15. É fundamental que o alumnado comece a crear os seus propios currículos informais desde  a mocidade: que constrúa os seus portafolios virtuais, os seus blogs, as súas redes, a súa web, os seus repositorios de imaxes, etc. Que se vexa o traballo. Que non se perda o tempo. Poñamos un exemplo: a curtametraxe.
  16. Cando rodamos unha curtametraxe actuamos coma se fósemos de excursión. A diferenza é que o noso alumnado traballa eses 4 días de rodaxe cuns ritmos e un horario de adultos. É fundamental facelo así. O ideal sería que a convivencia fose plena, 24 horas 24, e se é posible fóra do IES; no noso caso afacemos a rodar desde un mércores pola tarde até o domingo pola tarde, xornadas de 12 horas, 9 a 21. Cando o ambiente é bo, esta experiencia queda nas súas memorias como unha referencia de vida. A intensidade, a alegría, a capacidade de construír, a resolución de conflitos, etc. Para os docentes é un tempo esgotador pero ilusionante. A rodaxe é unha das culminacións do curso, traballouse moito para chegar, é unha festa; a outra culminación é a estrea: ha de coidarse isto especialmente, hai que deixarse levar e xogar a ser estrelas, facelo ben: presentarse en sociedade, falar en público, etc.
  17. O espazo aula é un dos condicionantes máis serios para un cambio educativo. Os alumnos víveno cunha especial frustración. Os cambios de clases, coa súa desorde, o seu bulicio, o seu movemento compulsivo..., o que nos están contando é que o tempo escolar e o espazo escolar son verdadeiras cárceres que unen, ao acoutamento do tempo e do espazo, a inmobilidade. O único que se move con liberdade nunha aula é o docente. A creatividade pode necesitar ás veces de certa suspensión da actividade física, pero só ás veces, a miúdo necesita, pola contra, movemento, cambio de perspectivas, procura dun lugar propio, etc. O traballo con vídeo esixe moverse, cambiar, experimentar. Cando se prepara un guión os alumnos son convidados a ensaiar, a improvisar, a saír da aula. Calquera lugar é bo: sobre todo aqueles que eles usan de forma instintiva. Isto dá lugar a unha ocupación do espazo do IES diferente e suceden cousas, ocórrensenos cousas diferentes.
  18. A mobilidade proteíca da información en liña está a propiciar un cambio radical nos espazos de aprendizaxe. A posibilidade, xa, de asistir a clases en liña, de interacción con outras aulas distantes, de creación compartida instantánea, facemos os guións en google docs. De compartir traballos, guións, apuntamentos, etc, etc, case sen límite e cada vez con maior mobilidade, ha de incidir forzosamente nos espazos da educación. Desde o audiovisual nas aulas, un móbil cunha boa resolución de cámara e conexión a internet, non é un perigo, é unha oportunidade de producir un espazo diferente.
  19. Se sabes que o moito de todos depende do pouco teu, responsabilízaste. A propia dinámica do traballo provoca a responsabilización do alumnado de forma natural, sen coercións nin mandatos. É o equipo o que esixe a túa entrega.
  20. Varios alumnos que participaron nesta actividade renovaron os seus estudos. Aínda que só fose por iso, por ver como as dinámicas de fracaso se convertían en autoestima, todo este esforzo valería a pena con fartura.
  21. O grupo non se sitúa ante unha autoridade, o profesor, senón que concede esa autoridade para construír unha obra en común. Que a autoridade sexa compartida anula a censura sobre a participación do alumno.
  22. Traballamos non só para nós mesmos, traballamos para o procomún. Só ten valor o compartido; ou dito doutra forma: o que dás, dálo. Compartir engade valor ao valor intrínseco do teu traballo.
  23. O audiovisual integra pensamentos - corpos - máquinas - para construír expresión.
  24. Soberanía é en educación ser dono da túa aprendizaxe, poder de decisión, poder de creación. A soberanía sobre o teu corpo, o teu tempo, a túa aprendizaxe, a túa creatividade non é concedida, hai que conquistala. Crear é unha forma pacífica, amorosa, de afirmar o teu dereito a ser soberano.
  25. A creatividade é individual. O audiovisual reúne creatividades diversas nunha obra cooperativa. As condicións que propician a creatividade individual son unha conquista colectiva. No audiovisual todos traballamos para que cada un poida expresarse. Necesitámonos.
  26. Creatividade. Un alumno sometido de forma invariable á repetición, a reprodución e o exame como única lexitimación do seu traballo non está preparado para afrontar os desafíos laborais e vitais da nosa realidade. A negación mantida da creatividade é un fracaso social. A diferenza debe ser protexida e propiciada. A diversidade é a condición da supervivencia. Expresar a nosa imaxe, imaxinar distinto; xogar seriamente, rírmonos da seriedade.
  27. Transversalidade. O audiovisual serve para contar historias: historias da historia, pero tamén, historias da química, das matemáticas, da literatura. O audiovisual é transversal a todo tipo de aprendizaxe. Hoxe en día non só debes saber facelo, debes saber contalo. A aprendizaxe do audiovisual é, con todo, concreta, é unha alfebetización.
  28. Globalidade. O noso proxecto é exportable, a súa linguaxe é universal, o seu método adáptase ás circunstancias. Só o que fala do próximo cóntanos a globalidade. Ser diferente nun mundo globalizado é ser existente. A educación troquela esa diferenza: hai que rachar o troquel reiterado da educación.
  29. Autoría. Ser autor non significa ser un carcereiro das nosas obras. Ser autor é ser consciente de todo o enorme traballo alleo que foi necesario para chegar a esa creación. Ser autor dunha obra audiovisual é participar nunha autoría colectiva. Ser autor significa responsabilizarse da súa difusión, da súa distribución. Os dereitos creativos comúns CC son unha magnífica solución en educación: un, porque comparten o que debe ser de todos: o saber; dous ,porque respectan a autoría dos traballos en diversos graos que o creador elixe desde a súa soberanía; tres, porque a miúdo a institución educativa tende á apropiación do traballo producido no seu ámbito, e esa é unha apropiación inmoral. Ningunha das nosas producións altera estes principios, a música cedida ou creada ad hoc; ou ben baixada desde páxinas CC tipo Jamendo, Internet Arquive, Free Sound, etc. En ningún caso usamos nunca nada para o que non tivisemos autorización.
  30. Visibilidade. O uso de Internet é fundamental. Ou sería tamén que a administración abandonase o seu afán depredatorio e servise á eclosión de creatividade que sucede nas escolas no canto de tentar controlala. Bastarían dúas accións: proporcionar equipos de produción (humanos e materiais) contra a entrega de proxectos concretos; e dous, crear bos repositorios de materiais audiovisuais. Que as nosas obras sexan coñecidas é o noso premio. Que se apropien delas é un fracaso colectivo.
  31. O valor engadido de traballar con audiovisual provén tamén da súa relación coas TIC. É unha arte en vangarda tecnolóxica por unha banda; por outra, a utilidade de promovela no IES é incuestionable, cada vez o seu uso estenderase máis, substentado na relación de simbiose que mantén coas TIC. Non hai xa sector laboral onde ter nocións básicas de audiovisual non sexa útil.
  32. O audiovisual ten un enorme potencial integrador. Nun produto audiovisual conflúen creacións de moi diversos ámbitos: a pintura, a música, o teatro, a literatura, a tecnoloxía...
  33. Grupos de idade ou de afinidade. Unha das consecuencias derivadas da organización fabril das escolas é a nula ou moi escasa posibilidade que deixan á creación de grupos por afinidades. Hai que potenciar a reunión por gustos, apetencias, compromisos, obxectivos, etc. Iso só é posible en extraescolares. É curioso ver como áreas importantísimas do coñecemento xa só teñen lugar en horarios extraescolares. Propomos dedicar máis tempo do horario curricular a tempo extraescolar. É dicir, forzar unha dinámica extraescolar en tempo “escolar” abriría a posibilidade de organizar grupos de interese. Moito ha de cambiar.
  34. Aprender de pero tambien aprender con. A aprendizaxe en equipos: quen ensina a quen? En SonCine os grupos teñen unha gran autonomía. O profesor móvese entre eles e con eles, asesora, reorienta, acurta tempos na procura dun dato ou a aprendizaxe dunha técnica, pero non dirixe. Non hai dirección en sentido clásico, a dirección é colectiva, entre outras cousas porque por motivos evidentes educativos o alumnado fluctúa entre uns e outros equipos. Cando o profesor non sabe aparecen os colaboradores: habitualmente, moitas cuestións moi técnicas son consultadas con colaboradores externos, profesionais do audiovisual. É imprescindible esta docencia externa. Facilitar a fluídez na participación de docentes externos é outra das claves dunha boa educación en creatividade, entre outras cousas porque o creativo non casa ben co funcionarial, é, debe ser, alleo ao funcionarial, non doutro xeito conquista a liberdade e a crítica. Necesitamos estar nesta fronteira entre o institucional e o aberto. Nunca foi posible antes, ou nunca o foi como agora: os nosos colaboradores só necesitan unha cámara web de 10 euros e unha conexión para asistir e axudar nas nosas aulas. Aspiremos a que a participación do contexto sexa cada vez maior.
  35. Propiedade, autoría, dereito á propia imaxe. Algo no que facemos moito fincapé en SonCine é en que nos respecten e nos recoñezan. Do mesmo xeito somos moi esixentes cos dereitos de propiedade intelectual alleos. Cando necesitamos un son, unha canción ou un efecto recorremos ou ben a repositorios públicos do Ministerio de Educación p.e., ou a páxinas como Jamendo. Os nosos vídeos poden ser distribuídos e copiados por quen queira respectando as limitacións que establece a elección de dereitos creativos comúns que escollemos: non obter rendementos económicos; citar sempre a autoría; reproducir igual, é dicir, salvo permiso pola nosa banda non se pode facer obra derivada. Iso é así porque as persoas coas que participamos son habitualmente menores de idade. Neste punto somos moi estritos, máis aló dos permisos paternos xerais de uso educativo da imaxe do alumnoado para determinados traballos, curtametraxes, etc, elaboramos permisos específicos sen os cales non é posible a participación. Nunca tivemos un problema. Moi ao contrario, para moitas nais e pais foi un motivo de orgullo ver difundido e premiado o traballo dos seus fillos. Cando nos deron un premio económico este foi reintegrado na súa totalidade ao orzamento do centro educativo, coa finalidade específica de adquirir o único que importa: adquirir medios de produción.
  36. Sitúadevos na web como produtores de contidos. Unha conta en Vimeo onde se sobe todo o que facemos, mantemos os nosos contactos, etc. Vimeo limita o tempo dos vídeos, pódense subir vídeos moi “pesados”, e a calidade de imaxe e deseño marca diferenzas. Perdemos en visibilidade, posicionamento e visitas, pero polo de agora esta perda compensa. A difusión que facemos do noso traballo comeza polas redes sociais Facebook e Tuenti que usan os alumnos. Das redes sociais pasamos a ser embebidos nos blogs do centro educativo, biblioteca do IES, club de lectura do IES, club da lingua, etc. Habitualmente algúns blogs moi influíntes da escena cultural galega vinculan este ou aquel vídeo, o que se nota inmediatamente nas estatísticas diarias.
  37. Lusofonía. Cando se fala de ámbito Iberoamericano adóitase esquecer a realidade lingüística galega. O galego é funcionalmente o mesmo idioma que o protugués (google tradutor p.e. usa as mesmas báses léxicas para implementar a tradución automática do galego). Con todo, a ninguén parece importarlle que só en Galicia teñamos a posibilidade de comunicarnos de forma directa con todo o ámbito lingüístico do castelán e da chamada Lusofonía. Hai que establecer relacións con asociacións do norte de Portugal moi activas, (http://www.lugardoreal.com, p.e.) exemplares no tratamento da imaxe escolar. É unha demanda cada vez máis urxente crear un repositorio de vídeo escolar, que funcione ao mesmo tempo como rede de intercambio de contactos e experiencias.
  38. O audiovisual, en canto é memoria, diálogo, unha escritura de emocións a través dunha arte completa e integradora. Ensinamos a discernir o que é real e o que é manipulación da realidade. Superación da subxectividade: como din os nosos amigos protugueses, un lugar do real, unha escola de vida. Unha nova definición de contidos en educación. Ataca o centro de desequilibrio da nosa educación: as emocións, a capacidade para asumir riscos, resolver problemas, planificar nosa propia educación desde unha liberdade creativa. A medida do noso éxito é a medida dos nosos erros. Non buscamos ser cualificados para o mercado, non queremos ser mercadoría, queremos ser, saber e, como dixemos xa moitas veces, saber é unha acción. Non queremos que ninguén veña a lexitimar o noso saber, queremos unha soberanía total sobre a nosa capacidade para producir sentido ou capital simbólico. Dalgunha maneira queremos ser un modelo de creación trans...; transversal, traseducativo, transdisciplinario, transgresor, transcendente, transparente, transformador.... Só nos falta unha cousa: medios de produción.