17 de mar. de 2011

Ninguén máis xordo...

...que o que non quere oír.
Na pestana TVESCOLA podedes ver, a día de hoxe, uns 1500 vídeos feitos nas escolas galegas.
Case sempre se fai audiovisual nas aulas con dúas intencións: unha, incitar a aprendizaxe: en natureza, literatura, química ou educación física (vaite ti ver); dúas, aprender a contar. En realidade, non o sabes ata que sabes contalo. E se nos expresamos é para que suceda algo, algo moi importante, algo que é nós pero vai máis alá de nós: que atendan ao que sabes, que te queiran pola túa entrega, que te recoñezan tal e como es, que te acepten nun traballo común, que fagan algo práctico co que aprenden a través de ti; ou que xoguen contigo o xogo da vida.
Saber contar é necesario. A supervivencia do que somos depende diso (o galego&Galicia, p.e. lembran?). E o audiovisual é a arma máis forte que temos para facelo. O valor dos audiovisuais medra cada día que pasa porque esas imaxes son a mesmiña escrita do Tempo.
Pois en TVESCOLA, e aquí, tedes 1500 tentativas de expresar a vida; unhas 47 (agora) canles de vídeos que irán sendo máis. Pensábades que había tantas?
Cunha condición, (sempre hai unha condición): o profesorado non é de ferro e cansa; os centros precisan medios e asesores que faciliten a tarefa. Non queremos que nos subvencionen o traballo: queremos medios públicos de produción. É nas escolas galegas onde máis audiovisual se produce fóra a alma, (é dicir, a tele), a forza de pura vontade e ilusión.
Tampouco temos, desde a institución, un premio e uns repositorios, e unhas orientacións como teñen en Catalunya p.e: La Mostra.
As webs, as redes, poden pillar algúns xurelos pero non poden armar un contexto que arquive, difunda, renove medios de produción, dea accesibilidade universal baixo licencias non propietarias CC, organice temáticamente, e se manteña escrupulosamente distante das decisións creativas e pedagóxicas dos que baten a sola nas aulas, etc, etc. Por iso dicíamos que ninguén máis cego que o que non quere ver (flocosRIP), ou algo diso era.
Ata que cansemos e entón pode que se sinta un silencio sospeitoso, e o horizonte sexa un continuum gris, como aquel do que falaba Rosalía, "el color de los muertos", nos últimos días da súa vida, resentida coa ingratitude da súa propia terra.

Um comentário:

Anônimo disse...

Ola!
Estupenda iniciativa.
Sumámonos desde o IES As Bizocas.
Deixo ligazóns a canles:
Youtube: http://www.youtube.com/user/orffasbizocas?feature=mhum
Vimeo: http://vimeo.com/user2101422/videos

Saúdos e moitos parabéns desde O Grove