3 de mar. de 2011

f5

Á fin do filme "A rede social", Jesse Eisenberg, no soidoso, sociópata, aqueloutrado papel de Mark Zuckerberg, apreta obsesivamente a tecla f5 do seu portátil (f5 reinicia ou actualiza a conexión á rede do navegador).
A metáfora é potente e irónica, como mandan os resabidos mestres de guionistas: un ser atrapado na rede soidade que el mesmo colaborou a crear.
Ben, nós, docentes e alumnado deste país, estaremos cansos de tanta insensatez como sufrimos, pero non estamos sós nin presos polas arganas nunha rede e amamos a vida real, o conflito, a turxente tensión dunha aula de adolescentes. Foron algúns deses rapaces os que hai anos comezaron este blog no IES de Porto do Son, en SonCine. Durmiu demais xa. Hai que espelilo. Sucedeu que, despois dunhas ilusionadas entradas iniciais do 2008, notamos que quizais, por unha maldita vez, a institución (Axencia do Audiovisual, Flocos, Onda Curta, Dirección Xeral...) nos expresaban. E deixamos o blog durmir e fomos ao noso.
Creamos contidos: unhas sete horas de vídeo subidos á nosa canle de vimeo http://vimeo.com/soncine. A rede, as redes, rebotaron o noso traballo: 200.000 visitas canta o noso medidor de estatísticas; case 20.000 visionados; miles de visitas desde blogs que nos "embeberon" nos seus posts. Producimos materiais que foron usados en ducias e ducias de centros educativos. Como material para a non-violencia e a resolución de conflitos, ou a literatura galega, ou a promoción da lectura e da ciencia... E todo iso naceu nunha aula mal equipada pero ben nutrida de ilusións no IES de Porto do Son, rapazas e rapaces de 3º de ESO, 14 anos, galegofalantes, do rural e do mar, ou que? O que coordina, desde o respecto máis profundo pola soberanía do seu alumnado, é quen escribe este post.
Agora é preciso dar outro paso. Debemos poñer ao servizo da sociedade o aprendido. Un IES non é unha illa.
Na súa neurose represora de todo o que signifique ser nós, a Xunta (Agadic) (e dános igual qué Xunta: esta, a que agora hai, cal vai ser?), vén de pechar a porta dunha das nosas casas: flocos.tv. Parecen non saber que todo o reprimido regresa á procura da súa némese. Fan coma se non soubesen que a vida (e a acción de crear e aprender é orgánica: raizame, micelio) volve sempre polo seu. Apurran á xente a ser outra da que é (outra coma eles queren que sexa) para converter a sociedade nun esperpento de máscaras, ou nunha desfeita de monicreques a pauazos. E con iso qué gañan, é fácil: poder e cartos; a conta da cohesión social de toda a xente, de toda.
SonCine estaba ben en flocos.tv porque eramos nós, e falabamos entre nós, ás veces soportando o bico torto e a ollada de esguello da nosa hipersubvencionada, displicente e ineficaz industria? audiovisual! Canto complexo de inferioridade rilla coma un rato o cerebro da burguesía galega!
Pois ben, eses que pecharon flocos.tv; aqueles que non dan un can (nin unha cadela) para que o audiovisual escolar teña medios de produción (non pedimos que nos subvencionen o traballo); os que teñen unha idea prehistórica da comunicación, e da cultura, e do ensino; que non saben que as cousas non van cambiar, que xa cambiaron ho; os mesmos que atenden a remendar os seus petos furados co froito do noso traballo, e só conciben unha caste de ambición: o poder do supervivinte e unha soa ideoloxía: a do pó gris do monetarismo e do capital privado a tupirlle os poros da alma. Eses deben ter absoluta certeza disto: están aí porque nós estamos aquí, non ao revés; non os precisamos e a súa baleireza, a impostación das súas palabras, a frialdade dos seus ditames, dan vergoña e, no fondo -e nas formas- serían involuntariamente risibles se non fixesen mal na xente.
Ben, chega, pois por iso, porque somos o que somos: f5, reiniciamos. Chao. Non máis queixas. Imos facer westerns como dicía John Ford; a fin de contas Galicia é unha paixón do poente (isto dicíao Pedrayo).

Um comentário:

Daniel Domínguez disse...

Cando o poder arrogante e cego pecha un portal, o que cómpre é abrir portas e xanelas polas que ver máis, pero, sobre todo, polas que ver mellor. Basta clicar na pantalla e ver ese pequeno filme "a fonte de valcunqueiro" para recuperar a esperanza na educación e no cine, coma cando un recibe a carta dun amigo e che acordan o sorriso esquecido. Porque eses pequenos filmes de Soncine son bo cine, como o que segue a facer, vello xa, o gran Jonas Mekas, que filma cada día o seu Diario cunha pequena cámara. Así que, que lles dean aos da Xunta. E a seguir filmando cine bo coa "paixón do poente", que sendo cine daquí sempre serán westerns. Saúde e apertas (cinéfilas).