25 de mar. de 2011

Á escoita, entre os muros.

Creo que unha das máis lúcidas reflexións feitas sobre a educación hoxe, estala, con precisión, intensidade e - asombrosa - proximidade nos episodios da 4ª temporada de THE WIRE. Poucas veces me sentín expresado como profesor (as dúbidas, os erros, as tentativas, a frustración, a paixón de ensinar), como nesa 4ª temporada. Debería ser de visión e análise obrigatoria nas escolas de escolantes e nos claustros dos centros. Nestes días pensei a miúdo na distancia que os galegos mantemos coa nosa realidade. Sexa patrimonio, cencia, empresa, política, ensino, pensamento, imaxinación ou administración: é como se non acabasemos de conectar con nós mesmos. É como se esquecésemos as palabras que nos dan nome; desprezásemos os legados que nos dan identidade; frustrásemos as accións que nos dan solvencia ou as leis e organizacións que nos darían benestar; nos ocultásemos dos soños e das ideas que nos dan sentido e da arte que nos expresa; ignorásemos cal sexa o saber que nos constrúe. Sei que non é enteiramente así, que esa é a imaxe que proxecta o poder (medios/capital/madatarios/...) sobre o noso imaxinario como nun filme de terror, ou unha parodia involuntaria; o medo e o escepticismo, e a astracanada, paralisan. De aí o asombro de sentir que unha serie -que fala dun Baltimore violento, corrupto e desartellado- diga moito máis dun, e do seu oficio, e das súas emocións, que os produtos audiovisuais da nosas TVs. Desde o audiovisual nas escolas rachamos a veces esa distancia, e rachámola coa ollada valente da infancia e a mocidade. Hai que ollar The Wire 4, e  "Entre les murs", para aprender a ollar. Algún día o noso audiovisual mostrará o real, e non a impostación ou a imaxinanción choca. Algún día poñerase á escoita, entre os muros dos nosos "centros educativos". (Sona carcelario iso, non?: "centros educativos", "claustros", "patios").

Um comentário:

Anônimo disse...

Completamente dacordo.
Cando me acheguei a The wire por primeira vez quedei coa boca aberta. Mesmo non semellaba posíbel que fora real, non o que pasaba, se non simplemente que se contara e como!
E é certo o que dis da distancia entre nós e o noso. Esa desconexión da que falas non fai outra cousa que afundirnos na mediocridade.
Un post para enmarcar, en serio.